venres, 19 de decembro de 2025

 

A arte dende o Xurés: creando dende a biblioteca do cole💡

A biblioteca do noso centro é un espazo vivo de aprendizaxe, creatividade e inspiración. No marco do PDI “A arte dende o Xurés”, o alumnado realizou distintos traballos artísticos. 

A través destas actividades, desenvolvidas dende a biblioteca escolar, o alumnado puido achegarse á arte. Libros, imaxes, investigación, imaxinación e traballo en equipo foron os piares deste proceso creativo.

As fotografías que acompañan esta entrada recollen algúns dos momentos e dos resultados deste traballo: creacións cheas de cor e significado.

Seguimos facendo arte e coñecemento dende o XuréS.








 🎉Aniversarios do mes de decembro🎉


Este mes tocou festexar os aniversarios de Diego alumno de 2º curso e Nerea alumna de 6º curso.

Feliz volta ao sol, que sexades sempre moi felices.

PARABÉNS!





xoves, 18 de decembro de 2025

Concurso de Nadal no noso colexio🎄✨

O alumnado participou con moita ilusión elaborando diferentes detalles de Nadal, demostrando a súa creatividade, esforzo e ganas de participar.

Houbo un gañador ou gañadora por cada curso, que recibiu un premio polo seu traballo. Ademais, todos os nenos e nenas que participaron no concurso tiveron tamén un pequeno detalle como agradecemento.

Dende o cole queremos dar os parabéns a todas e todos os participantes polo gran traballo realizado e animar a  todos os nenos e nenas a colaborar e participar nos próximos concursos e actividades do colexio, xa que o máis importante é participar, aprender e gozar xuntos.













 A ARTE DENDE O XURÉS: CREANDO IDENTIDADE A TRAVÉS DA ESCULTURA

Dentro do Proxecto Documental Integrado (PDI), o noso colexio traballou a arte desde O Xurés, coñecendo e valorando o patrimonio artístico máis próximo. Grazas á visita do artista Toño Monteiro, o alumnado participou na creación dunha escultura chamada Lobio, que fai referencia á orixe do nome do noso concello.

Esta experiencia permitiunos afondar na escultura como disciplina artística, coñecendo os seus procesos e materiais, e reforzando a importancia da arte como parte da nosa identidade cultural.






mércores, 3 de decembro de 2025

 BAIXO O MESMO PARAUGAS 

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Data que nos convida a reflexionar sobre a importancia de construír espazos máis inclusivos, accesibles e respectuosos.

Unha discapacidade non define a unha persoa: son os seus talentos, soños e capacidades os que realmente contan. Na nosa escola temos a oportunidade de crear espazos onde cada estudante poida sentirse visto, escoitado e acompañado.














venres, 28 de novembro de 2025

🎉Aniversarios do mes de novembro🎉

Este mes tocou festexar os aniversarios de Lois e da mestra Cora.

Feliz volta ao sol, que sexades sempre moi felices.

PARABÉNS!



martes, 25 de novembro de 2025

 

25N: Xuntas e xuntos contra a violencia de xénero 

Esta semana, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o noso centro participou nunha actividade que implicou a toda a comunidade educativa.

Os nenos e nenas prepararon tarxetas con lemas creados por eles mesmos, mensaxes cheas de creatividade, sensibilidade e compromiso. Os cativos e cativas reflexionaron na aula sobre a importancia do respecto, da igualdade e da convivencia.

Ao longo da mañá, o alumnado percorreu os distintos establecementos do pobo para repartir as súas tarxetas. Comercios, bares e oficinas recibiron con agarimo estes pequenos recordatorios de que a loita contra a violencia de xénero é unha tarefa de todos e todas.

Agradecemos enormemente a colaboración dos establecementos, que acolleron a iniciativa, e tamén ao noso alumnado, que volveu demostrar que a educación é a mellor ferramenta para construír un futuro máis xusto e igualitario.

Porque cada palabra conta, cada xesto suma.















luns, 17 de novembro de 2025

 

MAGOSTO! 🌰

O noso centro celebrou o Magosto  no Río Caldo xunto a compañeiros e compañeiras doutros centros educativos da Baixa Limia.

Durante a mañá gozamos dun ambiente festivo, compartindo actividades, xogos populares e, por suposto, as castañas asadas que non podían faltar nun día así. Foi unha oportunidade para reforzar lazos entre centros e desfrutar da natureza nun contorno privilexiado.

Agradecemos a participación de todo o alumnado e profesorado, así como a boa disposición dos centros colaboradores. 
















xoves, 30 de outubro de 2025

 

Celebración do Samaín 👹

No noso centro escolar celebramos un ano máis o Samaín cunha xornada chea de creatividade, misterio e moita diversión. O alumnado participou con entusiasmo na elaboración das súas manualidades máis terroríficas, deixando voar a imaxinación con cabazas monstruosas, criaturas fantásticas e decoracións propias desta época do ano.

Para pechar a celebración, realizamos a tan esperada entrega de premios, na que recoñecemos o esforzo e a orixinalidade das propostas presentadas. Foi un momento especial, compartido entre risas e o orgullo polo gran traballo realizado por toda a comunidade educativa.

O Samaín converteuse así nunha oportunidade perfecta para aprender, convivir e manter viva unha tradición.