venres, 19 de abril de 2024

Obradoiro de Xogos Bailados e Enredos💃♪🎵

 Este venres día 19, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participamos nun obradoiro de "Xogos Bailados e Enredos". Dende a área de Educación Física, organizáronnos esta xornada e aprendemos un montón de danzas e enredos da man de Lito Prado. 

Pasamos unha mañá estupenda, bailando, rindo e enredando moito!! 

Aquí vos deixamos unha mostra!!







mércores, 17 de abril de 2024

DÍA DA EDUCACIÓN FÍSICA NA RÚA 🏃

Este mércores 18 de abril, celebramos xunto cos nosos compañeiros do CEIP Xoaquín Lourenzo de Bande, o día da Educación Física Na Rúa

Foi unha xornada fermosa e moi divertida na que fixemos grupo cos amigos de Bande para facer un xogo de orientación que nos levou a percorrer a vila de Bande e superar doce retos. Ao final da xornada, construímos un puzzle no que descubrimos o lema do día "A Educación Física e a saúde mental":  

A actividade física axúdanos a suar as pequenas cousas que nos alonxan da felicidade!

Deixámovos unha mostra deste día nas seguinte imaxe e vídeo!

Agardamos que vos guste! 🌟⭐





martes, 16 de abril de 2024

DONAS DE SÍ - Luísa Villalta👩📖🎻

Hoxe, 16 de outubro, recibimos a visita da asociación Polo Correo Do Vento. Nunha actividade enmarcada no Plan Proxecta + DONAS DE SÍ, coñecemos máis polo miúdo a figura de Luísa Villalta, homenaxeada este ano nas Letras Galegas. 

O escritor Enrique Mauricio Iglesias e a ilustradora Tania Solla, autores do biografía "Tinta do mar", contáronnos unha chea de datos interesantes sobre Luísa. 

Ademais, ensináronnos a facer un retrato da autora. 














luns, 15 de abril de 2024

Xornada de Fútbol Sala ⚽

Enmarcada dentro do programa XOGADE, participamos hoxe nunha actividade de Fútbol Sala no pavillón da Pedra da Moa (Celanova). Compartimos esta xornada cos alevíns e benxamíns do CEIP Xoaquín Lourenzo de Bande, o CEIP Rogelio García Yáñez de Ramirás e o CPR Sagrado Corazón de Celanova. 







mércores, 13 de marzo de 2024

Camiño San Rosendo e Rainha Santa 🚶

Este mércores 13 de marzo, recibimos a visita de Berta, pertencente a Asociación Amigos do Camiño Xacobeo de San Rosendo e da Rainha Santa

Berta amosounos algúns dos lugares e localidades polos que descorre este camiño de peregrinación que atravesa a nosa localidade e a Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés, seguindo os pasos da Vía Nova. 

Ademais, invitounos a participar nun concurso de debuxo e pintura que ten por obxectivo dar a coñecer este camiño de peregrinación moitas veces descoñecido. 

Deixámosvos aquí, un vídeo e imaxes da xuntanza! 




mércores, 6 de marzo de 2024

A igualdade non ten idade 🟣💜🟣

Na semana do 8 de Marzo e do Día Internacional da Muller, recibimos a visita de Luis Vallecillo que nos trouxo o seu espectáculo "A igualdade non ten idade".  

Luis falounos das distintas esferas da igualdade: dende tratar aos demais como queres que te traten, o bonito que é ser diferente ou a importancia do respecto. 

A maiores, non perdeu a oportunidade de salientar a achega de Rosalía de Castro e Clara Campoamor ao recoñecemento da relevancia e participación das mulleres na sociedade e na historia. 

As nosas familias, mestres e nós, o alumnado, gozamos moito da súa música, dos seus títeres e da interpretación que fixo de poemas de Rosalía de Castro, Manuel María ou Carlos Casares. 

Grazas, Luis!!!






venres, 23 de febreiro de 2024

Día de Rosalía! 🌹

Este venres 23 de febreiro, conmemoramos o día de Rosalía de Castro, a poetisa galega máis importante. 

Para iso, celebramos un acto ao que convidamos ás nosas familias e veciñanza. 

Neste acto, interpretamos cancións e poemas musicados da autora, repasamos a súa biografía e obra e recitamos - xunto ás nosas familias - algúns dos seus versos máis representativos.


A maiores, en liña co poema de Rosalía "Caldo de Gloria", recompilamos as receitas de caldo que elaboran nos nosos fogares, levámolas ao cole e expuxémolas na entrada! 



venres, 16 de febreiro de 2024

Entroido 🎉🎭

Este venres 16 puidemos celebrar o noso desfile de Entroido!! 

Seguindo a temática do noso PDI "Coñecemos o pasado; vivimos o presente", fixemos un percorrido pola historia a través das nosas vestimentas. 

Neste desfile, non estivemos sós: acompañáronnos as nosas familias e os cativos das Escolas Niño da nosa vila: "Os paxariños do Xurés" e "O rincón máxico". 



Educación Infantil: Idade Media


1º - 2º Educación Primaria: Idade Antiga

3º Educación Primaria: Prehistoria

4º Educación Primaria: Idade Moderna

5º-6º Educación Primaria: Idade Contemporánea









martes, 30 de xaneiro de 2024

Día da Paz e da Non Violencia Escolar 🕊☮

Este martes 30 de xaneiro, commemoramos o día escolar da Paz e da Non Violencia. 

No marco do noso PDI "Coñecemenos o pasado; vivimos o presente", quixemos facer un percorrido polo distintos símbolos da Paz que foron xurdindo ao longo da historia. Deste xeito, cada grupo - clase investigamos sobre un destes símbolos: a pomba🕊, o arco da vella🌈, a ramiña de oliveira🌿, as mans brancas ✋ou o logo da paz ☮. Así, cada grupo recollemos nun pergamino qué simboliza cada unha desta imaxes e creamos varios delas en pequeniño. 

Ademais, cada grupo convertémonos en poetas pola Paz, desta volta, cun haiku, un poema breve de dezasete sílabas, escrito en tres versos de cinco, sete e cinco sílabas. 


Finalmente, durante toda a semana anterior, na biblioteca escolar, estivemos lendo o conto "La coleccionista de palabras" que nos deu pé para crear un abecedario da paz, onde recollemos palabras vinculadas coa paz para cada unha das letras do alfabeto. 



venres, 26 de xaneiro de 2024

Charla contra o acoso e o ciberacoso ⛔

No marco do Plan Director, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participamos hoxe nunha charla contra o acoso e ciberacoso impartida pola Garda Civil.