ANIVERSARIOS DO MES DE XUÑO 🍰🎉
No día de hoxe celebramos o aniversario de Anxo e Álvaro. Feliz volta ao sol, que sexades sempre moi felices.
PORTA DE MUÍÑOS
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA AUGA DO PARQUE BAIXA LIMIA🌿
Nesta xornada realizamos unha visita ao Centro de Interpretación da Auga de Porta de Muíños, situado no Parque Natural Baixa Limia–Serra do Xurés.
Os cativos e cativas gozaron dunha experiencia moi enriquecedora, participando en actividades ao aire libre e descubrindo a importancia da auga e do medio natural. Ademais, puideron desfrutar do espazo natural da zona, observando a súa paisaxe e achegándose ao seu valioso patrimonio ambiental dunha maneira lúdica e educativa.
CHARLA INFORMATICA DE HIXIENE BUCODENTAL😁
Hoxe o alumnado de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria participou nunha interesante charla sobre hixiene bucodental impartida por unha hixienista dental.
Durante a actividade, os nenos e nenas aprenderon pautas básicas para o coidado dos dentes, a importancia dunha boa alimentación e como realizar un correcto cepillado para manter unha boa saúde bucal.
17 DE MAIO -DÍA DAS LETRAS GALEGAS-
Esta semana celebramos no noso centro educativo unha xornada moi especial na que unimos a conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Begoña Caamaño, e o Día das Familias.
As actividades, deseñadas no marco do seminario intercentros “Innovación e cooperación na escola rural”, contaron coa participación das familias, do grupo de cantareiras de Grou, da Casa do Maior coa súa “calceta de letras” e coa colaboración do Concello.
Foi unha xornada de convivencia e aprendizaxe compartida na que nenos e nenas, familias e persoas maiores gozaron xuntos da música, dos xogos e das tradicións, poñendo en valor a riqueza da escola rural como espazo de encontro e comunidade.
No marco da iniciativa educativa “Lectura e Familia”, o noso centro tivo o pracer de contar coa visita da compañía Migallas Teatro, que ofreceu unha representación teatral dirixida á comunidade educativa.
Nesta actividade participou activamente o alumnado, as familias e o profesorado, favorecendo un espazo de encontro e convivencia arredor da lectura, a cultura e a expresión artística. A través do teatro, fomentouse o gusto pola lectura e reforzouse a importancia da colaboración entre a escola e as familias no proceso educativo.