martes, 28 de novembro de 2023

25 DE NOVEMBRO 💜💟

O venres 24 de novembro e o luns 27 de novembro, levamos a cabo un conxunto de actividades para commemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Aproveitando o bo tempo, o venres, pintamos e decoramos caixas de cartón para construír un muro contra a violencia. 

  

 

 


O luns, escribimos palabras e poemas contra a violencia e creamos unhas fermosas bolboretas de origami para decorar as caixas. Con elas, construímos un muro!

  



 

Velaquí o resultado! 





martes, 21 de novembro de 2023

CAMPO A TRAVÉS 🏃

Hoxe tivemos unha xornada de deporte no concello veciño de Muíños. 
O alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria, participamos no campo a través! 
Desfrutamos desta actividade con outros colexios da comarca da Baixa Limia, Celanova e Barbadás! 

Ademais de desfrutar do deporte, tamén conseguimos un terceiro posto 
e varias clasificacións para o campeonato provincial! 



venres, 10 de novembro de 2023

MAGOSTO 🌰🌰🌰

O mal tempo non impediu que desfrutaramos dunha boa xornada de Magosto! 

Xuntos, gozamos de xogos tradicionais como encestar a castaña, 

carreiras de relevo ou o paño, entre outros! 

Ademais, degustamos un menú propio deste día, con empanada, bolo preñado e castañas con chocolate!



martes, 31 de outubro de 2023

SAMAÍN 👻🕷🕸🎃

Este martes 31 de outubro, festexamos o Samaín no cole. 
Pola mañá, preparamos unhas sobremesas tan terroríficas como saudables, 
que degustamos no comedor despois de xantar! 

Logo, fixemos entrega dos premios do concurso de manualidades de Samaín
Xunto coas nosas familias, demos renda solta á nosa creatividade para crear decoracións 
de Samaín con materiais de refugallo! As cinco máis orixinais levamos un premio especial! 




A continuación, lemos o conto de Samaín que todos os cursos foramos creando na Biblioteca durante a última semana. A partir do famoso cadro "O berro" de Munch fixemos unha historia colaborativa. Quedounos ben terrorífica! 😉😏



Finalmente, rematamos a xornada cun baile con cancións propias deste día! 





mércores, 25 de outubro de 2023

VISITA DE XABIER DOMÍNGUEZ 📚 🦔

Na semana das Bibliotecas Escolares, seguimos con actividades na nosa biblio. Desta volta, no marco da iniciativa "Lectura e Familias", recibimos a Xabier Domínguez, autor da colección de contos Naturizo. 

Primeiro, contounos como é o proceso de escribir. Destacou tamén a importancia de todas as persoas que interveñen no libro, non só os propios escritores, senón tamén os ilustradores, as persoas que traballan na imprenta e no transporte e mesmo os libreiros!

Desvelounos tamén algúns detalles da súa última obra "Segredos Soterrados", que escribiu xunto a Alba De Eván. A historia desenvólvese no concello veciño de Muíños, onde os protagonistas Sabela, Jorge e a gata Morriña desfrutan do verán no campamento. Confesounos ademais que un dos personaxes do libro, Alberto, está inspirado no noso director! Que ilusión!!! 😊




martes, 24 de outubro de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 📚

Hoxe, 24 de outubro, celebramos o día das Bibliotecas Escolares, baixo o lema "Tecendo Comunidades". Foi un dia cargado de actividades que tiveron por centro a nosa biblioteca. 

Logo de recordar as normas e entregar as mochilas viaxeiras, presentáronnos a nova actividade que terá lugar na biblio: o itinerario emocional. Con el, achegarémonos a unha morea de contos que falan das nosas emocións. A continuación, realizamos un apadriñamento lector, do que gozamos moito. 

Pola tarde, recibimos unha mensaxe da mascota da biblioteca, Pancholiño. Convidábanos a viaxar con el ao longo da historia no marco do PDI "Coñecemos o pasado; vivimos o presente". Aproveitamos as imaxes do vídeo para facer unha chuvia de ideas e recompilar o que sabemos das etapas da historia e o que queremos saber. Ademais, animámonos a crear unha liña do tempo e a inaugurar o noso mural do proxecto. 




sábado, 30 de setembro de 2023

OS PRIMEIROS ANIVERSARIOS DO CURSO 🎂🎈🎉

Rematamos setembro festexando os aniversarios dos compañeiros que cumpriron anos en xullo, agosto e setembro cunha rica tarta!

 Parabéns!